Samsung España anunciou este martes nun acto celebrado en Madrid o lanzamento de The Mind Guardian, unha innovadora aplicación gamificada baseada en intelixencia artificial, que presenta unha proba de autoavaliación de memoria para o cribado a grande escala de signos de deterioro cognitivo, un síntoma común nas fases temperás de enfermidades como o Alzheimer. Detrás deste avance atópase un equipo de investigadores do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, liderado polos catedráticos Luis Anido e Manuel Fernández Iglesias, principais cabezas visibles dun traballo multidisciplinar que vén fraguándose desde hai máis de 10 anos desenvolto por un equipo humano altamente especializado, que uniu esforzos no ámbito da tecnoloxía, a saúde e a investigación para avanzar na detección temperá do deterioro cognitivo.
Este avance supón un fito no ámbito da saúde e a tecnoloxía aplicada para romper barreiras, facilitando a detección precoz de demencias como o Alzheimer, unha enfermidade que só en España alcanza a 800.000 persoas.