
Samsung España anunciou este martes nun acto celebrado en Madrid o lanzamento de The Mind Guardian, unha innovadora aplicación gamificada baseada en intelixencia artificial, que presenta unha proba de autoavaliación de memoria para o cribado a grande escala de signos de deterioro cognitivo, un síntoma común nas fases temperás de enfermidades como o Alzheimer. Detrás deste avance atópase un equipo de investigadores do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, liderado polos catedráticos Luis Anido e Manuel Fernández Iglesias, principais cabezas visibles dun traballo multidisciplinar que vén fraguándose desde hai máis de 10 anos desenvolto por un equipo humano altamente especializado, que uniu esforzos no ámbito da tecnoloxía, a saúde e a investigación para avanzar na detección temperá do deterioro cognitivo.
Este avance supón un fito no ámbito da saúde e a tecnoloxía aplicada para romper barreiras, facilitando a detección precoz de demencias como o Alzheimer, unha enfermidade que só en España alcanza a 800.000 persoas.

As redes de comunicación sen fíos experimentarán un aumento do tráfico sen precedentes debido ás novas aplicacións de grande ancho de banda, como por exemplo, multimedia 3D, realidade aumentada e realidade virtual. A isto hai que engadir que grazas á miniaturización e ás economías de escala, producirase a incorporación de dispositivos sensores e actuadores ás infraestruturas das cidades intelixentes e aos obxectos cotiáns que nos rodean. Como resultado, cada quilómetro cadrado dunha área urbana da Internet das Cousas (IoT) xerará decenas de terabits de datos por segundo. Para apoiar esta demanda, despregaranse redes de comunicación ultradensas, un novo paradigma no que tamén se contemplan as nanocomunicacións, na que centos de miles de dispositivos a micro/nanoescala se comunicarán na banda de terahercios.
Neste escenario dinámico será necesario un despregamento masivo de solucións de intelixencia artificial para o control e xestión da rede, das súas funcionalidades e dos seus servizos. Para avanzar neste eido, hai tres anos púxose en marcha o proxecto AriSe: Redes ultradensas sen celas, redes IoT futuras e nanorredes, seleccionado na convocatoria estatal de Xeración de Coñecemento, e que está a piques de concluír. Cun orzamento de 122.452 euros, está coordinado dende o centro de investigación atlanTTic polo catedrático da Universidade de Vigo Francisco Javier González Castaño, director do grupo GTI e polo profesor da Universidad Politécnica de Cartagena Juan José Alcaraz. Xunto con eles, están implicados neste proxecto o catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática Felipe Gil Castiñeira e o catedrático da mesma área na Politécnica de Cartagena Antonio Javier García Sánchez, así como todos os investigadores sénior do grupo GTI, que forma parte de atlanTTic, é dicir, Juan Carlos Burguillo, Enrique Costa, Cristina López Bravo, Pedro Rodríguez Hernández, Pablo Fondo, Silvia García Méndez e Francisco de Arriba, ademais dun investigador FPI, David Candal. Na investigación colaboran tamén os principais operadores españois xunto con dúas multinacionais que prestan o seu apoio. Ademais, o traballo que se realiza en AriSe coincide coa participación do equipo no proxecto NextPerception, da convocatoria H2020.

Socios de oito países participan esta semana en Vigo na reunión de lanzamento dun proxecto europeo que ten como principal obxectivo a creación dun catálogo dixital de cursos para centros de ensino superior, unha medida coa que se busca que os estudantes potenciais, sobre todo aqueles interesados en facer unha mobilidade, se poidan informar de xeito doado sobre os destinos posibles, os recursos dispoñibles e a oferta de programas e cursos de cada un destes centros. Así o explicou este mércores no edificio Redeiras o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Manuel Caeiro, líder do proxecto, ao inicio dunha xuntanza que contou coa participación da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, quen resaltou a importancia de incentivar todas as actividades que axuden a promover a mobilidade entre as universidades europeas, unha idea na que tamén fixo fincapé a directora de Área de Proxectos Internacionais Educativos, Eva Garea.
Bautizado como DACEM, Digitising Academic Catalogues for Enhanced Mobility, este proxecto foi aprobado na convocatoria de 2023 do programa Erasmus+ de Asociacións de Cooperación en Educación Superior e conta cun financiamento total de 400.000 euros, correspondéndolle á Universidade de Vigo a súa coordinación xeral. Entre os socios atópanse algunhas das universidades da rede ATHENA -Universidade de Maribor en Eslovenia e Universidade de Orleans en Francia-, así como a Universidade de Thessalias, en Grecia; Tallinn, en Estonia; Charles, na República Checa; a European University Foundation, de Luxemburgo; a European Students Network, con sede en Bélxica, e unha pequena empresa de Portugal vinculada co Politécnico de Porto (Virtual Campus).