Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

As redes de comunicación sen fíos experimentarán un aumento do tráfico sen precedentes debido ás novas aplicacións de grande ancho de banda, como por exemplo, multimedia 3D, realidade aumentada e realidade virtual. A isto hai que engadir que grazas á miniaturización e ás economías de escala, producirase a incorporación de dispositivos sensores e actuadores ás infraestruturas das cidades intelixentes e aos obxectos cotiáns que nos rodean. Como resultado, cada quilómetro cadrado dunha área urbana da Internet das Cousas (IoT) xerará decenas de terabits de datos por segundo. Para apoiar esta demanda, despregaranse redes de comunicación ultradensas, un novo paradigma no que tamén se contemplan as nanocomunicacións, na que centos de miles de dispositivos a micro/nanoescala se comunicarán na banda de terahercios. 

Neste escenario dinámico será necesario un despregamento masivo de solucións de intelixencia artificial para o control e xestión da rede, das súas funcionalidades e dos seus servizos. Para avanzar neste eido, hai tres anos púxose en marcha o proxecto AriSe: Redes ultradensas sen celas, redes IoT futuras e nanorredes, seleccionado na convocatoria estatal de Xeración de Coñecemento, e que está a piques de concluír. Cun orzamento de 122.452 euros, está coordinado dende o centro de investigación atlanTTic polo catedrático da Universidade de Vigo Francisco Javier González Castaño, director do grupo GTI e polo profesor da Universidad Politécnica de Cartagena Juan José Alcaraz. Xunto con eles, están implicados neste proxecto o catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática Felipe Gil Castiñeira e o catedrático da mesma área na Politécnica de Cartagena Antonio Javier García Sánchez, así como todos os investigadores sénior do grupo GTI, que forma parte de atlanTTic, é dicir, Juan Carlos Burguillo, Enrique Costa, Cristina López Bravo, Pedro Rodríguez Hernández, Pablo Fondo, Silvia García Méndez e Francisco de Arriba, ademais dun investigador FPI, David Candal. Na investigación colaboran tamén os principais operadores españois xunto con dúas multinacionais que prestan o seu apoio. Ademais, o traballo que se realiza en AriSe coincide coa participación do equipo no proxecto NextPerception, da convocatoria H2020.

Ler a nova completa no DUVI