A Universidade de Vigo participa como socia no proxecto europeo Reliable, unha iniciativa internacional financiada polo programa Erasmus+ da Unión Europea que reúne investigadoras e investigadores de España, Portugal, Alemaña, Montenegro e Bosnia e Herzegovina co obxectivo de modernizar os sistemas de educación superior dos Balcáns Occidentais mediante a integración da intelixencia artificial (IA) no ensino, na aprendizaxe e nos procesos institucionais.
A participación da UVigo está coordinada polo catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Martín Llamas, do centro de investigación atlanTTic, que forma parte do equipo xunto cos profesores Manuel Caeiro e Fernando Ariel Mikic Fonte. Ao longo dos dous anos de duración da iniciativa está prevista, ademais, a incorporación de novo persoal investigador.